Friday 29 de March de 2024

Alternativa de Sada recomenda ao novo concelleiro de Deportes que comece a traballar “na casa” e despois continúe co INEF


Non se pode partir dunha posición de credibilidade á hora de reclamar a outras administracións cando se teñen todas as infraestruturas deportivas municipais en precario.

Sada continúa sen pista de patinaxe, sen piscina municipal, cas obras de mantemento do campo de fútbol Andrés Pena paralizadas e cun pavillón de deportes pendente da reforma e mellora integral que estaba no pacto de goberno do 8 de Xullo do 2019 e que nunca chegou a abordarse. Non parece esta unha boa carta de presentación a hora de reclamar ás outras administracións o que o concelleiro é incapaz de arranxar na casa.

Os desencontros entre o INEF e o CAS remóntanse a setembro deste ano por un tema de taxas polo aluguer das pistas, máis, naquel entón existía a intención de firmar un convenio ca UDC para a utilización das mesmas polo CAS, e, a día de hoxe, despois de máis de dous anos do anuncio, nada se sabe.

Desde Alternativa dos Veciños Sada aplaudimos todas as xestións que beneficien ós nosos deportistas, máis, creemos que non se pode exercer moita presión reivindicativa noutras administracións cando as cousas “da casa” están en moi mal estado.